Actualidade e Noticias



Rematada a execución do ramal de saneamento e bombeo en Maceira, Covelo
- 26/04/2024 -

Alcalde, directora xeral de Administración Local e delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitaron o pavillón onde se realizou un investimento de 26.500 euros na substitución das luminarias por lámpadas de tecnoloxía LED máis eficientes
O alcalde Covelo, Pablo Castillo, recibíu á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, para visitar diversas melloras executadas en 2023 ao abeiro das liñas de axudas ao eido local. Neste marco de acción, o Goberno galego destinou máis de máis de 96.300 euros á mellora da eficiencia enerxética da instalación de iluminación interior do polideportivo municipal, así como á execución do ramal de saneamento e bombeo no núcleo de Maceira.


A execución do ramal de saneamento e bombeo en Maceira contou cunha achega da Xunta de máis de 69.700 euros que permitiu que este servizo chegue a todas as vivendas grazas a ampliación da rede de colectores. Os traballos incluíron a construción dun colector de saneamento e dun pozo de bombeo, así como a instalación dun cadro eléctrico. A colaboración do Goberno galego neste proxecto materializouse a través da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, destinado a apoiar os concellos nas melloras que repercutan no medio natural e na eficiencia enerxética das instalacións municipais.


Por outra banda, no polideportivo municipal substituíronse as luminarias por lámpadas de tecnoloxía LED máis eficientes co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética da iluminación interior das instalacións. A axuda da Xunta ascendeu a máis de 26.500 euros no marco dunha das liñas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) dirixida precisamente a acadar un maior aforro de enerxía nos edificios de titularidade municipal. Canto ao fondo base do FCL, o concello de Covelo recibiu o ano pasado máis de 206.300 euros.

 

O alcalde salientou a importancia destas dúas intervencións ao ter que ver con servizos básicos de uso diario. “O pavillón municipal ten actividade todos os días e nela adestran clubs e escolas deportivas, ademais de acoller torneos e distintos eventos. As obras de Maceira tamén eran urxentes e agora continuaremos nesta liña de traballo en todas as parroquias”.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade